Ufff, esta semana de frío e choiva a humidade na casa faise notar máis que nunca. As paredes teñen máis dun metro de ancho e no interior o ambiente é escuro. Estes son, polo tanto, tres factores importantes a ter en conta: humidade, temperatura e iluminación.Comezamos pola última:
A iluminación: trataremos de sacar o máximo rendemento ás entradas de luz natural da casa. Pensamos en poñer fiestras e portas con carpintería branca de PVC e dunha única folla, aproveitando ao máximo o marco actual, de 85cm. x 130cm. aprox nas fiestras e 110cm. x 210cm. nas portas. A casa é longa pero estreita. Contabilizamos un total de 10 fiestras e 4 portas. Por aí terá que entrar toda a luz natural que poidamos! Pola parte de dentro levará unhas "contras" de madeira que estamos restaurando e pintando de branco. Á súa vez revisaremos todos os circuítos eléctricos e trataremos de colocar mellor os puntos de luz eléctrica no interior.
A temperatura: afortunadamente a casa xa conta con radiadores e sistema de calefacción de gasoil. Teremos que revisar todo o circuíto, reparar algúns radiadores, recolocalos e sacarlle o máximo rendemento ao calor que desprenden.
A humidade: o principal problema da casa, tanto no chan da primeira planta como nas paredes. Nas paredes solicitamos orzamento para colocar lana de roca e/ou fibra de vidro como aislantes e logo cubrila con Pladur. No chan xa temos plaqueta, pero debemos cubrila con láminas triso de aluminio e tarima flotante con tratamento térmico (tipo AC5 de 8mm.). A cuberta da casa xa conta con uralita e tella, polo que está ben protexida, pero teremos que proxectar poliuretano branco. No exterior da casa utilizarase pintura ao silicato branca impermeable e transpirable ao vapor de auga. No interior levará unha pintura plástica antimoho mate branca.
En principio, con isto sería suficiente para ir tirando... pero a ver se mellora un pouco o tempo para poñernos "mans á obra".